Tuesday 17 de September de 2024

Laxe recibe 15.000 euros da Xunta para a contratación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento


• O alcalde, Francisco Charlín, recibiu esta mañá ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto

• Durante a visita aproveitaron para comprobar o traballo realizado polo servizo de socorrismo contratado

O Concello de Laxe vén de recibir unha axuda de 15.000 euros da Xunta de Galicia para a contratación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento na praia e na piscina municipal.

O alcalde, Francisco Charlín, a concelleira de Deportes, Begoña Gegúndez, e o edil de Obras, Eulogio Constantino, recibiron esta mañá ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, que se achegaron a comprobar o traballo realizado polo servizo de socorrismo contratado ao abeiro destas axudas.

O ente autonómico contribúe, deste xeito, a fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia, como é a tempada estival. Ademais, tamén regula a formación coa que deben contar estes profesionais.

Esta convocatoria subvenciona os custos salariais no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro para a contratación de persoal dedicado á prestación de servizos de vixilancia, rescate e salvamento en instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal ou espazos acuáticos naturais situados no ámbito territorial do municipio.

O rexedor destacou “a importancia destas axudas, que son un impulso considerable para os concellos, xa que que nos permiten contar cun equipo de profesionais moi completo e que garantan a seguridade nas nosas praias”.

Pola súa banda, o conselleiro lembrou que se trata dunha medida moi necesaria “para garantir a seguridade nos municipios costeiros e máis turísticos, para os que tamén existen outras axudas como as subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local”.